Tuesday 21 de May de 2024

Dúas mozas ensaístas, de Donosti e Cidade de México, gañan as residencias literarias impulsadas polo Concello da Coruña


Durante os meses de maio e xuño, as gañadoras poderán dedicarse por enteiro aos proxectos de escrita que presentaron en concorrencia competitiva

As dúas bolsas de residencia que o Concello da Coruña impulsa na Residencia Literaria 1863 para esta primavera adxudicáronse mediante cadanseus comités de avaliación. As gañadoras presentaron proxectos de ensaio literario en ambos os casos, atopándose ambas as dúas na trintena e presentando as súas propostas desde Donosti e a Cidade de México. Chámanse Naiara Puertas e Laura Sofía Rivero.

A Residencia “Cidade da Coruña” está dirixida a escritores e escritoras en calquera xénero literario e residentes en España, e para seleccionar a persoa beneficiaria actuaron como comité de avaliación Carlos Catena Cózar, un dos poetas andaluces mozos máis puxantes da actualidade, a narradora e profesora Blanca Riestra e a poeta, narradora e editora Berta Dávila. En canto á Residencia “Latitude 43”, está igualmente dirixida a calquera autor e autora literario, mais do resto do mundo. Tivo unha altísima participación desde trece países distintos, dez deles latinoamericanos. Tres plumas galegas escolleron, nesta ocasión, en que autora de fóra de España recaería este notable pulo a unha carreira literaria. Dito xurado estivo composto polo tradutor, poeta e narrador Isaac Xubín, a narradora e poeta Emma Pedreira e a poeta e autora infanto-xuvenil Elvira Ribeiro Tobío. Se os primeiros se reuniron presencialmente na Coruña, os segundos fixérono en liña desde o Reino Unido, o Salnés e desde A Coruña.

Durante o mes de maio e o de xuño respectivamente terán lugar as que van ser as segundas edicións de cada unha destas oportunidades de retiro creativo, destinadas a que as gañadoras poidan dedicarse por enteiro aos proxectos de escrita que presentaron en concorrencia competitiva. O ensaio gañador da primeira residencia versará sobre a noción de antagonismo político a través da desposesión de significado que teñen hoxe moitas consignas, as mesmas que a base de pronunciarse e autorreplicarse, en lugar de impeler á acción parecesen substituíla, mesmo anulala. O ensaio premiado coa segunda das
residencias falará da moderna relación que as xeracións mozas establecen coas casas, espazos cada día menos asequibles que evidencian unha sensación de desarraigamento e incertidume.

A gañadora da Residencia Cidade da Coruña para Autores e Autoras de España é a donostiarra Naiara Puertas (1984). É xornalista, traballa nas seccións de edición e peche da prensa diaria local e é parte do Colectivo Editor de El Salto Diario, onde mantén a columna La Trama. En 2019 publicou o seu primeiro ensaio, “Al menos tienes trabajo” (Ed. Antipersona), e o pasado ano autopublicou o fanzine “Sube la tele que va a hablar Aitor Esteban. El oasis vasco contado a españoles”, ademais de editar e prologar “Bicis Drogas Oficinas”, memorias do escritor Ricardo Gómez, vigués residente en Ordizia. Mantén dende
2012 o blog “Domingos en Chándal”, publicou varios artigos académicos sobre política en revistas especializadas e recibiu varios premios de relato breve.

Pola súa banda, a que gozará da Residencia Latitude 43 será a ensaísta e docente mexicana Laura Sofía Rivero (1993). Gañadora do Premio Nacional de Ensaio Xoven José Luis Martínez 2020 polo libro “Dios tiene tripas: meditaciones sobre nuestros desechos” (Fondo de Cultura Económica, 2022), do Certame Internacional de Literatura Sor Juana Inés de la Cruz 2017 por “Tomografía de lo ínfimo” (2018), o Premio Dolores Castro 2016 de ensaio escrito por mulleres por “Retóricas del presente” (2016) ou o Premio da Mocidade Ciudad de México 2018 de traxectoria artística entre outros. O seu título máis recente é “Enciclopedia de las artes cotidianas” (2022). Foi bolseira de ensaio na Fundación para as Letras Mexicanas e do programa “Jóvenes creadores” do Fondo Nacional para la Cultura e as Artes (FONCA). Profesora titular de Creación literaria e Análise literaria na Asociación Mexicana de Tradutores Literarios (AMETLI), impartiu máis dunha vintena de obradoiros de ensaio literario en institucións e centros culturais de distintas cidades mexicanas.